domingo, 8 de abril de 2012

Microteatro




Durante dúas semanas, do 13 ao 23 de novembro de 2009, case 50 artistas entre directores, autores e actores presentaron “Por dinero”, un proxecto teatral nun antigo prostíbulo na rúa Ballesta 4. O espazo foi cedido pola asociación Triball a Miguel Alcantud, autor da idea e coordinador do proxecto.
Nas 13 habitacións do bordel aloxáronse 13 grupos autónomos e independentes coa consigna de crear unha obra teatral de menos de 10 minutos para un público de menos de 6 persoas por sala sobre un tema común, a prostitución. Estas obras tiñan que representarse tantas veces como público houbese durante tres horas ao día, chegando algunha das obras a representarse máis de vinte veces ao día. Grazas aos distintos achegamentos que fixo cada un dos grupos, que ían desde o drama á comedia, o público recibía moi distintas visións do tema tratado.
Sen ningún investimento en publicidade, unicamente con difusión a través de redes sociais e comunicados de prensa, o experimento foi un éxito. Colas de máis de 200 persoas formábanse horas antes de comezar a función e, lamentablemente, quedou máis xente fóra da que puido entrar.
O impacto do devandito acontecemento, que alcanzou unha gran difusión mediática e aceptación do público, animou a boa parte dos participantes e a algúns novos membros a abrir de maneira permanente un espazo que era reclamado polo público de Madrid, e no que os asistentes eran persoas de todas as idades e estatus.
Así nacía Microteatro por dinero, un novo concepto de formato teatral: microobras de entre dez e quince minutos sobre un mesmo tema, representadas en espazos pequenos para menos de quince espectadores por pase e seis sesións ao día. Desta forma, o espectador pode elixir tanto o tempo que quere pasar no teatro, segundo o número de obras que queira ver, así como o prezo que quere pagar, xa que cada visita a unha sala págase de forma individual.
Agora, grazas á gran iniciativa da LaTuerka 27 podemos experimentar esta aventura en Galicia, na rúa Doutor Fleming 27 da Coruña, onde se fusionaron un antigo prostíbulo cunha perruquería de barrio para dar lugar a esta nova sala chea de ilusión e ganas de achegar ao teatro a calquera.

No hay comentarios:

Publicar un comentario