jueves, 19 de abril de 2012

4 metros cadrados para unha historia



Microteatro. Salas de catro metros cadrados. E un actor que está literalmente pegado ao seu público. Ese é o modelo que ofrece a nova sala coruñesa La Tuerka 27, facendo converxer o teatro cos hábitos e prácticas culturais do consumidor de cine. As crises obrigan pero detrás do proxecto hai tamén unha nova visión. “O teatro perdeu a súa relación co público, agora cómpre reinventarse”, asegura unha das socias do proxecto, Iria Ares.


Segundo a directora e socia de La Tuerka 27, Iria Ares, La Tuerka 27 é “unha sala de microarte na que ofrecemos espectáculos en vivo de pequeno e mediano formato, con obras teatratis de entre 10 e 15 minutos en salas de 4 ou 5 metros cadrados”. Durante este mes de abril, La Tuerka ofrecerá tres obras neste formato e as necesidades convértense en virtudes. “O espazo que normalmente separa actor de público desaparece”, di Ares, “o público está presente na escenografía da obra e pasa a ser un elemento máis. Mesmo podes ter o actor a un centímetro”. 


Os primeiros días de estrea do microteatro encheron as salas. Cada obra dura entre 10 e 15 minutos e funciona de xeito moi similar aos multicines. Como espectador, podes mercar o billete para ver unha obra (3 euros) ou para ver varias obras. As obras represéntanse tres veces nas horas de función a hora distintas, así que en teoría podes ver as tres seguidas se pagas as entradas. 

Os asistentes aos espectáculos poden escoller entre Boas de máis, interpretada por Estíbaliz Veiga e Jose Losada, e dirixida por Jose Leis, Cotilla, interpretada por Fernando Morán e Isabel Risco coa dirección de Estíbaliz Veiga e Macareno, interpretada por Daniel Currás e dirixida por Iria Ares. “É unha maneira de consumo moi parecida ás outras e moi actual”, explica Ares. 

A busca dun espazo
Os promotores de La Tuerka 27 veñen do mundo audiovisual, onde produciron La increíble historia de Macarena y la Puta Milagrosa, nominada este ano aos Premios Mestre Mateo. Cada La Tuerka Films, a súa produtora, os tres socios, Daniel Currás, Milo Taboada e Iria Ares decidiron crear unha academia de interpretación teatral chamada La Tuerka Studio. Finalmente decidíronse a cerrar o círclo, debido a que as obras “que faciamos nós non atopamos sitio para exhibilas”, explica Ares. E velaí crearon o seu propio espazo.

“Para min é un luxo porque é un espazo no que volves á orixe da interpretación e da narración”, asegura Iria Ares, “Os que nos dedicamos á creación o que facemos é “manipular ao público” para facerlles sentir unhas emocións. O reto de facelo nesa curta distancia é maravilloso. É como cando te fan maxia diante do nariz e non ves o truco”. 

O reto para La Tuerka 27 é agora estender o modelo por Galicia e que outras salas adopten o mesmo modelo, para poder realizar xiras e amortizar mellor as producións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario